O Museo MEGA acolle un ciclo de xornadas sobre responsabilidade social e talento laboral
A Xunta de Galicia promove xunto ao museo MEGA Estrella Galicia o ciclo de xornadas 'As tendencias ASG e desenvolvemento do talento: aprendendo de referentes en impacto positivo'. Este venres celebrouse a xornada na Coruña coa presenza do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández coa fin de sensibilizar a mozos en formación das oportunidades laborais asociadas aos compromisos coa sustentabilidade e a responsabilidade social das empresas.
Fernández puxo en valor esta iniciativa enmarcada na Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025 de Galicia que, con 174,7 millóns de euros de orzamento está a preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada.
O secretario xeral defendeu a introdución dos valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos necesarios para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.
Para axudalas, o Goberno galego ofrece un marco de referencia catalizador para que todos aqueles axentes públicos e privados que queiran avanzar nun exercicio voluntario de maior responsabilidade social.
A Estratexia comprende 25 accións enmarcadas no eido da empresa, a sociedade e a Administración pública. Pretende, entre outros fins, transformar os modelos de negocio das empresas para que teñan máis oportunidades na economía que vén; apoiar ás empresas para mellorar os seus sistemas de transparencia e atraer e desenvolver talento favorecendo contornas de traballo inclusivas e con solucións innovadoras de impacto social e ambiental.
O ciclo que hoxe se estrea insírese nestes obxectivos, co gallo de sensiblizar aos estudantes acerca da nova realidade e darlles acceso a espazos de comunicación e acceder a boas prácticas que lles poden brindar máis e mellores oportunidades laborais.
Tras o seu estreo hoxe na Coruña, celebraranse xornadas semellantes este mes en Profand, en Vilagarcía (13 de maio); en Nauterra, en Carballo (16 de maio) e en AMS Lab, en Lugo (23 de maio).
O secretario xeral destacou que a comunidade galega quere seguir a situarse á vangarda da promoción da Responsabilidade Social Empresarial entre o seu tecido produtivo e asociativo, na Administración e para o conxunto da sociedade.