O Museo do Castelo de San Antón celebrará o seu 56º aniversario con actividades especiais
O Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón conmemora o seu 56º aniversario cunha serie de actividades especiais abertas a toda a cidadanía. A programación, organizada polo Goberno local, terá lugar o próximo 5 de outubro, ofrecendo un día completo de eventos gratuítos que inclúen visitas guiadas, xornadas de portas abertas e obradoiros tanto para adultos como para nenos.
Entre as principais actividades destacan as visitas guiadas polo castelo e o museo, nas que os asistentes poderán coñecer a fondo a historia e o valor patrimonial deste emblemático espazo. As visitas, cunha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos, están programadas para as 12.00, 18.00 e 22.00 horas, dirixíndose a un máximo de 25 persoas por sesión.
Os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos tamén terán o seu espazo co obradoiro "Da escavación ao museo", que se celebrará ás 11.45 horas. Nel, aprenderán o proceso de restauración de pezas arqueolóxicas e poderán levarse un recordo único. Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o obradoiro "Piratas á vista!", onde descubrirán a relación histórica dos piratas coa cidade da Coruña e crearán o seu propio anteollo de pirata.
Os adultos tamén poderán participar nun obradoiro exclusivo titulado "Iluminando Brigantium", ás 19:30 horas, onde explorarán as técnicas de produción de lume na prehistoria e elaborarán unha lucerna romana. Este obradoiro, cunha duración de 2 horas, está limitado a 15 prazas.
Todas as actividades requiren inscrición previa a través da seguinte web, que se abrirá o mércores 25 de setembro ás 10.00 horas.