O Museo das Mariñas de Betanzos conta con cinco novos cadros de Sofía Feliu
O Museo das Mariñas amplía o seu patrimonio artístico grazas á doazón de cinco cadros da pintora Sofía Feliu Toledano (Navalmoral de la Mata, 1926 – Madrid, 2010), realizada pola súa filla, Paz Moreno Feliu. Esta achega reforza o apartado pictórico do museo e pon en valor a contribución artística desta creadora, que residiu durante parte da súa vida en Betanzos.
As novas obras incorporadas representan escenas tan variadas como o pintado do Globo de Betanzos, unha xornada de feira, a porta da Ponte Nova, o interior da igrexa de San Domingos e un bodegón cun prato de polbo. Este último cadro terá un protagonismo especial na contracapa do Anuario Brigantino 2023, cuxo contido tamén inclúe unha portada ilustrada co fragmento doutro cadro emblemático, “A bodega do Eladio”.
A pintora Sofía Feliu xa contaba con obras expostas no Museo das Mariñas, como un retrato de Francisco Vales Villamarín, a desaparecida Casa Gótica e unha vista do interior da igrexa de San Francisco, onde representou á súa filla. Con esta nova achega, o museo non só amplía a súa colección senón que tamén reforza o seu compromiso coa visibilización das mulleres na arte, sumando a Feliu ao legado de outras pintoras locais como Rosina Martínez e Olimpia Tourné.
O acto da doazón contou coa presenza da alcaldesa de Betanzos, María Barral, quen expresou o seu agradecemento a Paz Moreno Feliu e destacou o valor cultural destas incorporacións. “A doazón permite enriquecer a nosa colección e abrir novas oportunidades para actividades de difusión, fortalecendo o vínculo dos veciños e veciñas coa arte local”, afirmou.