O Mosteiro de San Salvador celebrará os seus 900 anos cunha gran cea medieval en Bergondo

ACoruñaXa
O evento incluirá teatro, música en directo, animación infantil e xogos populares nunha das citas centrais da programación conmemorativa do aniversario do monumento
BERGONDO mosteiro san salvador
21 Jun 2026

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo converterase o vindeiro 23 de xullo nun escenario medieval para celebrar o seu 900 aniversario cunha gran cea temática aberta á participación da veciñanza e visitantes.

A actividade forma parte da programación especial organizada polo Concello baixo o lema '900 anos de memoria en pedra', coa que se conmemora a historia dun dos edificios máis emblemáticos do municipio. A cea dará comezo ás 21.30 horas no propio recinto monástico, que durante esa xornada recreará o ambiente da Idade Media con música, teatro e actividades para todas as idades.

O prazo de inscrición abrirase o próximo luns 22 de xuño e permanecerá dispoñible ata o 3 de xullo ou ata completar as prazas. As reservas deberán formalizarse a través da páxina web habilitada para o evento.

O menú estará composto por churrasco e cabrito ao espeto, cunha alternativa infantil para os máis pequenos. Os prezos establecidos son de balde para nenos e nenas de ata 6 anos, 15 euros para os participantes de entre 7 e 12 anos e 30 euros para os maiores de 13 anos.

A organización anima aos asistentes a acudir vestidos de época para contribuír á ambientación da xornada. Para facilitar a participación, habilitarase un servizo de alugueiro de traxes no propio mosteiro os días previos á celebración.

Teatro e actividades para toda a familia

Antes da cea, ás 18.00 horas, a compañía Galeatro representará a obra 'Reino de Galicia a escena', unha proposta cultural que permitirá achegarse á historia medieval galega. Desde o Concello destacan que a asistencia á representación teatral será independente da cea, polo que poderá acudirse a unha ou ás dúas actividades.

A programación completarase cun servizo de animación infantil, talleres e xogos populares durante toda a tarde e a noite, co obxectivo de favorecer a participación das familias.

A música correrá a cargo do grupo Pansenfron, que actuará en directo durante a cea e contribuirá a recrear o ambiente festivo dunha celebración que se perfila como un dos actos máis destacados do calendario conmemorativo dos 900 anos do Mosteiro de San Salvador.

0.12446904182434