O metal mantén a folga na provincia da Coruña tras o bloqueo nas negociacións do convenio

GaliciaXa | ACoruñaXa
A CIG denuncia “inmobilismo total” da patronal, que só propón unha subida salarial do 0,25% e rexeita avanzar en condicións laborais
A CORUÑA folga metal 27.05.2026
16 Jun 2026

O conflito no sector do metal da provincia da Coruña continúa sen avances tras a última reunión da mesa de negociación do convenio colectivo. A representación sindical decidiu manter as dúas novas xornadas de folga previstas despois de que a patronal, segundo denuncian, mantivese unha postura de “inmobilismo total” e presentase unha proposta considerada insuficiente.

Segundo explican desde a CIG-Industria, a parte empresarial limitouse a formular un incremento salarial do 0,25% e a manter a vixencia do convenio durante catro anos, sen entrar a abordar cuestións clave para o persoal. Entre elas, sinalan a subrogación, a redución da precariedade laboral e a diminución da xornada de traballo, aspectos que aseguran que continúan sen resposta por parte da patronal.

O sindicato critica que a negociación volva quedar “secuestrada”, lembrando que xa durante a primeira semana de xuño apenas se produciron avances e só se celebrou unha reunión efectiva. Ademais, acusan á patronal de negarse a establecer un calendario de encontros que permita dar continuidade ao proceso negociador.

Desde a parte social afirman que incluso mostraron disposición a manter reunións continuadas, incluíndo fins de semana, sen que esa proposta fose aceptada pola parte empresarial. A última xuntanza, aseguran, concluíu sen respostas ás contrapropostas presentadas polos sindicatos.

Ante esta situación, a CIG reclama a reactivación inmediata das negociacións e a posta en marcha dun calendario estable de reunións que permita desbloquear o conflito.

Mentres tanto, mantéñense as mobilizacións xa convocadas. As xornadas de folga continuarán hoxe e mañá, e volverán repetirse os días 30 de xuño e 2 de xullo.

No plano das accións previstas, na Coruña está programada unha concentración o día 16 de xuño ás 9.00 horas no Cantón Grande, coincidindo cun foro económico en ABANCA. O 17 de xuño terá lugar unha manifestación que partirá ás 11.00 horas da Praza de Tabacos e rematará diante da Xunta de Galicia, en Monelos. En Ferrol, está prevista unha mobilización ás 12.00 horas con saída desde Navantia.

0.097746133804321