O metal leva á rúa a presión por un novo convenio cunha marcha multitudinaria ata A Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
Os sindicatos cifran en 8.000 as persoas participantes na sexta xornada de folga e advirten á patronal de que as mobilizacións continuarán se non hai avances na negociación
A CORUÑA folga metal 11.06.2026
12 Jun 2026

A folga do metal volveu ter este xoves unha resposta masiva na Coruña. Arredor de 8.000 traballadores e traballadoras, segundo os sindicatos, participaron nunha manifestación que partiu de Oleiros e rematou ante a sede da patronal, nunha nova demostración de forza para reclamar un convenio colectivo que recolla melloras laborais e salariais.

A mobilización celebrouse na sexta xornada de paro do sector e un día antes dunha nova reunión coa patronal. Desde a parte sindical advertiron de que a continuidade da folga dependerá das propostas que se poñan sobre a mesa. De non haber unha oferta que responda ás principais demandas do persoal, manteranse as convocatorias previstas para os días 16 e 17 de xuño.

O voceiro da CIG na mesa de negociación, Eduardo Caamaño, defendeu ao remate da marcha que a reunión coa patronal é consecuencia directa da presión exercida polo sector. Tamén criticou a decisión empresarial de suspender as negociacións a semana pasada e a ameaza de retirar a retroactividade do convenio.

As reivindicacións pasan por melloras salariais, unha cláusula de revisión con efectos desde o 1 de xaneiro, medidas contra a precariedade, redución da xornada anual, ampliación do dereito de subrogación, regulación dos pluses de penosidade, toxicidade e perigosidade e garantías para acceder á xubilación parcial.

Os sindicatos sosteñen que os paros deixaron practicamente paralizada a actividade do siderometal na provincia e insisten en que a mobilización continuará se a patronal non presenta unha proposta suficiente.

CIG, UGT e CCOO tamén difundiron un comunicado conxunto tras o incidente denunciado cunha xornalista durante a manifestación. As tres centrais lamentaron os feitos, expresaron o seu respecto ao traballo dos medios de comunicación e rexeitaron calquera comportamento agresivo, machista ou violento. Ao mesmo tempo, pediron que non se responsabilice ao conxunto do colectivo por uns feitos que cualifican de illados.

0.13295602798462