O mercado ecolóxico municipal volve hoxe ao Campo da Leña, con obradoiros infantís e un evento benéfico
O Campo da Leña acolle este domingo 7 o mercado ecolóxico municipal, unha iniciativa promovida polo Concello co obxectivo de dinamizar a actividade comercial dos barrios en espazos habilitados ao aire libre.
A xornada de mañá contará, unha vez máis, con actividades para todos os públicos entre as 10.00 e as 15.00 horas. Neste sentido, as crianzas poderán gozar dunha área de dinamización infantil que estará habilitada no propio Campo da Leña. Ademais, as nenas e nenos tamén terán a posibilidade de participar nun obradoiro infantil no que aprenderán a fabricar serpes de xoguetes mediante a reciclaxe de materiais. A participación é de balde, con inscrición previa a partir das
10.00 horas. Cómpre destacar que a capacidade máxima prevista no taller é para 15 persoas.
Unha das principais novidades do mercado ecolóxico desta fin de semana será a celebración dun evento benéfico en favor da Cociña Económica, unha cita na que se implican figuras recoñecidas do sector hostaleiro local, como Moncho Méndez e Manu Triay, chefs do restaurante Millo e a Taberna Triay, respectivamente, e na que tamén colaborará a Cervezoteca Malte.
Haberá tempo, ademais, para gozar da música en directo. Das 12.30 ás 14.30 horas, The Flows and Friends amenizará o mercado ecolóxico do Campo da Leña cunha actuación aberta ao público, con acceso de balde.
A programación dos mercados ecolóxicos e sostibles continuará nas vindeiras semanas en máis barrios da Coruña. Ademais de volver proximamente ao Campo da Leña e á praza da Tolerancia, en Labañou, o calendario de eventos previstos ata finais de ano inclúe o desenvolvemento dos mercados no parque Europa, o Paseo das Pontes, a praza de Azcárraga, a praza de Vigo, o parque da Tirolesa de Novo Mesoiro e a praza de San Cristovo, nos Mallos.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey amplía o radio de acción desta iniciativa a máis distritos da cidade, baseándose na boa experiencia recollida polos mercados ecolóxicos municipais nas súas localizacións habituais e atendendo tamén ás propias solicitudes da veciñanza dos diversos barrios da Coruña.