O Mercado de Elviña acendeu este sábado as luces de Nadal

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto e puxo en valor o comercio de proximidade
acendido-luces-de-nadal-elvina
28 Nov 2026

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá no tradicional acendido das luces de Nadal do Mercado Municipal de Elviña, nun acto organizado pola asociación de comerciantes e no que estivo acompañada polo seu presidente, Leonardo Tomé, e por Sofía Vázquez, de Mulleres Colleiteiras.

Durante o acto, a rexedora puxo en valor o papel que desempeñan os mercados municipais na vida dos barrios e na cohesión social da cidade. "O Mercado de Elviña é moito máis ca un espazo comercial. É un punto de encontro para as veciñas e veciños, un lugar onde se fortalecen os vínculos entre as persoas e onde a proximidade segue a ser un valor fundamental da vida en comunidade", destacou a alcaldesa.

Rey agradeceu tamén o traballo diario das praceiras e praceiros, así como da asociación de comerciantes, polo seu compromiso coa dinamización do mercado e do barrio. "Nun momento no que os mercados municipais continúan sendo referentes de produto local, calidade e atención personalizada, é importante recoñecer o labor das persoas que fan posible que espazos como este sigan sendo un dos corazóns sociais e comerciais da cidade", sinalou.

O acto reuniu a comerciantes, veciñanza e representantes da contorna nunha cita xa consolidada no calendario previo ao Nadal e que simboliza o inicio dun período especialmente relevante para a actividade dos mercados municipais coruñeses.

0.12632393836975