O Mercadillo de Nadal volve a Oza-Cesuras o 22 de decembro
O Concello de Oza Cesuras celebrará o tradicional Mercadillo de Nadal o domingo, 22 de decembro. A feira terá lugar entre as 10:30 e as 14:30 horas nas inmediacións da Casa do Concello en Oza, converténdose nun espazo para a compra, venda e intercambio de artigos variados.
As inscricións para participar como expositor son gratuítas e poderán realizarse ata o 20 de decembro ou ata esgotar prazas. Os interesados deben chamar ao teléfono 981 792 000, dispoñible os mércores de 11:00 a 14:00 horas, ou escribir ao correo electrónico feirasegundamanozacesuras@gmail.com.
O mercadillo admite a venda de roupa, xoguetes, obxectos de segunda man e outros artigos, exceptuando animais, cosméticos ou plantas medicinais. Ademais, tamén se anima a artesáns e propietarios de tendas a inscribirse para amosar e comercializar os seus produtos de maneira gratuíta.
Esta iniciativa, organizada polo Departamento de Medio Ambiente do Concello de Oza Cesuras, busca fomentar o consumo responsable e a promoción da economía local, ofrecendo unha ampla variedade de opcións para o público nun ambiente festivo e de Nadal.