O Mendo e o Mandeo desbórdanse en Betanzos e deixan incidencias por inundación en varias zonas

ACoruñaXa
A crecida coincidiu coa marea e a choiva arredor das 5.30 horas e afectou A Ribeira, o Paseo da Tolerancia, o porto e áreas do Carregal e o Pasatempo
BETANZOS inundación mandeo
4 Feb 2026

Os ríos Mendo e Mandeo desbordáronse na madrugada deste mércores en Betanzos, tras varios días de choivas continuadas que fixeron medrar o caudal. Segundo explicou o Concello, a crecida produciuse coincidindo coa subida da marea e as precipitacións, arredor das 5.30 horas. A marea situábase en 3,22 metros, unha cifra inferior á doutros episodios, pero o volume de auga acumulado nos ríos foi determinante.

Protección Civil mantivo durante a semana un dispositivo de vixilancia e alerta, con sinalización en zonas inundables. Un dos puntos máis sensibles foi a contorna da Ribeira, onde a auga chegou á estrada. O Concello indica que o funcionamento dos bombeos axudou a minimizar a afectación na calzada e que, malia a presenza de auga, non se rexistraron problemas que impedisen a circulación de vehículos.

Tamén houbo incidencias no Paseo da Tolerancia, onde o nivel do Mandeo superou o bordo do paseo e anegou a zona peonil, e na área do porto, con chegada de auga á zona comercial.

No caso do Mendo, o desbordamento afectou á zona do Carregal e á área comercial do Pasatempo, con impacto en varios viais. Ademais, o parque Pablo Iglesias tamén se viu afectado pola entrada de auga.

O Concello anunciou que manterá os dispositivos de vixilancia para evitar estacionamentos en puntos inundables e seguirá as alertas do 112. Tamén trasladará novamente a Portos de Galicia as incidencias rexistradas no porto e instará a que se estuden actuacións que reduzan o impacto das inundacións sobre os establecementos da zona. A alcaldesa, María Barral, sinalou que o obxectivo é ‘poñer medios para minimizar os desbordamentos’ e apelou ao traballo conxunto con Portos de Galicia e Augas de Galicia para avanzar en solucións.

⚙ Configurar cookies
0.078305006027222