O Mago Teto leva o rock e a maxia a Miño con 'GaleRock’N’Magic'

ACoruñaXa
O ilusionista ourensán propón unha viaxe pola historia do rock galego a través da maxia, a música en directo e o humor
mago teto
25 Aug 2026

O ilusionista ourensán Mago Teto continúa o seu percorrido por Galicia con 'GaleRock’N’Magic', un espectáculo que une ilusionismo e música galega para realizar unha particular viaxe pola historia do rock da comunidade.

A proposta, estreada en 2025, naceu como continuación do seu anterior espectáculo 'Rock & Magic' e combina trucos de maxia, música en directo e humor. O espectáculo utiliza as ilusións como fío condutor para repasar diferentes etapas e sons que forman parte da memoria musical de varias xeracións.

O percorrido comeza no rock vinculado ao Xabarín Club, que marcou a toda unha xeración, e continúa polos sons das décadas dos 80 e 90, o movemento bravú e as formacións e artistas que actualmente levan a música galega a novos públicos. Siniestro Total, Los Suaves, o bravú e a escena musical actual forman parte desta particular travesía.

A música en directo de Mr. Cool e Fer Risco únese sobre o escenario ao traballo do Mago Teto, nunha proposta na que os cambios de ritmo, o humor e os efectos de maxia acompañan o repaso á evolución do rock galego.

O espectáculo busca así espertar a nostalxia de quen viviu algunhas desas etapas musicais, pero tamén achegar a súa historia ás novas xeracións. Unha combinación pensada para todos os públicos e que permite descubrir a música galega desde unha perspectiva diferente.

A traxectoria do Mago Teto remóntase a 1992, cando comezou a realizar os seus primeiros trucos de maxia con motivo do Día das Letras Galegas. Catro anos despois, con 19 anos, converteu a súa afección en profesión coa estrea de 'A maxia dos soños', o seu primeiro espectáculo profesional. Desde entón, acumula máis de tres décadas sobre os escenarios e desenvolveu propostas tanto para espazos pequenos como para grandes formatos, entre elas 'Tolemaxias', 'Perto de ti' e 'O afiador'.

A parada de Miño será ademais a primeira das nove previstas dentro desta nova xira de 'GaleRock’N’Magic', que continuará por distintos puntos de Galicia ata novembro. A actuación celebrarase o venres 28 de agosto ás 22.00 horas no Parque da Rúa de Miño, con entrada gratuíta.

0.14281702041626