O Madrid Fusión acollerá a gastronomía da Coruña, "a provincia que sabe"
Case se tempo para tomarse un café. Despois de que onte se puxera punto e final á Feira Internacional de Turismo de Madrid arrinca o Madrid Fusión que se celebrará dende hoxe, luns 29 de xaneiro, ata o mércores, 31 de xaneiro. Unha vez más, a Deputación da Coruña volve a Madrid, a través da Vicepresidencia, responsable da área de Turismo que dirixe Xosé Regueira, a defender a marca turística e gastronómica da nosa comarca co lema: 'A provincia que sabe'.
Farano cunha ambiciosa programación propia formada por máis de 30 actividades entre as que se atopan showcookings con chefs de primeiro nivel, degustacións e mostras da man de produtores locais, charlas e talleres, exposicións, e a súa xa recoñecida exhibición do tradicional ritual da queimada.
Chefs de primeiro nivel
Durante estes tres días, a entidade provincial estará representando nesta feira gastronómica os diferentes xeodestinos da provincia a través da súa cociña e os seus produtos. Así, restaurantes como As Garzas, Pementa Rosa, Terra de Fisterra e Balarés (Costa da Morte); A Maceta (Terras de Santiago); Sinxelo de Ferrol (Ferrolterra), e a Artesa da Moza Crecha (As Mariñas) exhibirán o seu bo facer a través de showcookings protagonizados por produtos de proximidade, caracterizados pola sua vinculación co seu territorio.
Produtores de proximidade
Os produtores amosarán tamén o seu traballo, fiel á súa orixe: A Castrexa; Os Biosbardos; Cafés Aruba; Xearte Brigitte; Choiva Viños; San Isidro Bakery; Vermú Lodeiros; Bonilla a la Vista; Adega entre os ríos; a Despensa de Lujo ou Costumes empanadas de Galicia son algúns dos expositores que participarán no stand da Deputación en Madrid Fusión.
Con esta programación Turismo da Deputación aposta por unha “oferta variada e diversa de actividades, como o é a nosa provincia”, sinalou o vicepresidente e deputado de turismo Xosé Regueira. “Ademais de exhibir a nosa riqueza gastronómica e cultural, queremos contribuír a poñer en valor o gran traballo dos nosos profesionais, tanto da cociña como do sector agroalimentario, nun foro tan relevante como é Madrid Fusión”.