O luns comezan as obras de mellora da praza do Emigrante en Betanzos
O Concello de Betanzo iniciou as obras de mellora da praza do Emigrante, que inclúe tanto a súa rehabilitación como a impermeabilización desta. Esta última parte, a de impermeabilización, é pola que comezarán os traballos que afectarán tamén ao case centenar de vehículos que ocupan o aparcadoiro subterráneo da praza. Para a programación destas obras o Concello mantivo reunións con representantes das prazas de garaxe para, primeiro, informalos sobre os traballos e establecer algunha alternativa para “prexudicar?” o menos posible ás persoas usuarias do aparcadoiro durante as obras.
Así, dado que non poderán estacionar no aparcadoiro, o Concello habilitou unhas zonas de aparcadoiroen doutor Fariña, Cal das Barras, Profesor Míguez e parte da rúa do Rollo. Os vehículos que estacionen do aparcadoiro subterráneo poderán estacionar nestas rúas cun distintivo provisional, que foi entregado a todos aqueles propietarios e propietarias que o solicitaron.
Estas zonas estarán habilitadas a partir do martes, xa que o luns, primeiro día de traballos, non será necesario aínda abandonar as prazas do aparcadoiro.
O obxectivo das obras é reordenar este espazo e mellorar o seu deseño e funcionalidade coa posibilidade de crear áreas de descanso e xogos infantís, recolocando o mobiliario urbano para xerar “un uso máis lóxico da superficie da praza e dotala dunha identidade da que actualmente carece”.
Os traballos consistirán na actualización dos acabados e en resolver os problemas que se detectaron de impermeabilización cara á planta inmediatamente inferior. Mellorarase, por tanto, o firme actual, renovarase o pavimento, as instalacións eléctricas e de recollida de pluviais para evitar as filtracións que se producían sobre o garaxe existente debaixo da praza.
Renovarase tamén o pavimento e o mobiliario incluíndo o deseño de novos bancos e zonas de descanso, plantación de especies vexetais e a localización dunha nova área de xogos infantís. O orzamento previsto para esta actuación é de 316 166 euros.