O luns 11 de marzo comezan as obras de reurbanización e naturalización da rúa San Andrés
As obras de de reurbanización da rúa San Andrés darán comezo este luns 11 de marzo na cidade da Coruña e que suporá recuperar a súa configuración orixinal como bulevar con máis espazos peonís e a incorporación de 80 novas árbores ao longo da rúa.
O Concello efectuará un investimento de 3,2 millóns de euros nas obras coa finalidade de humanizar e adaptar unha das principais arterias da cidade e reforzar o seu carácter eminentemente comercial.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou este venres os principais obxectivos que se perseguen con esta actuación, que afectará ao treito de San Andrés comprendido entre os cruzamentos coas rúas Juana de Vega e o cruzamento de San Andrés coa rúa Sol. “Queremos gañar espazos peonís para as persoas e tamén naturalizar a rúa, devolvéndolle parte da súa imaxe orixinal. Para iso, temos previsto plantar máis de 80 árbores. Concretamente, Morus alba, a moreira de Valdeorras que xa existía en San Andrés a finais do século XVIII”, subliñou.
A reurbanización da rúa tamén suporá unha remodelación dos espazos destinados á circulación de vehículos. Tras completarse os traballos, San Andrés pasará a estar disposta en formato de plataforma única. Haberá un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro disporanse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que farán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén se ampliarán e renovarán, con novas lousas de granito.
Ademais, tamén se gañarán espazos para as zonas de carga e descarga. Disporanse dúas, de 21 e 30 metros de lonxitude: a primeira, entre os números 144 e 150, a segunda, na intersección coa rúa Nova.
A isto sumaranse, ademais, as melloras previstas nos servizos públicos das redes de saneamento e iluminación: no primeiro caso, substituiranse os antigos colectores por uns novos, máis modernos e seguros, reforzados fronte a hipotéticas fugas; no caso da iluminación, nos báculos instalaranse novos dispositivos led.
En paralelo, tamén se renovará o mobiliario urbano existente na rúa, unha medida que implicará, a maiores, a instalación de novas marquesiñas nas paradas de transporte urbano. Tamén acometerán traballos para a conservación do exemplar de Cercis siliquastrum, coñecido comunmente como a árbore do amor, situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina.
O obxectivo da intervención é recuperar o formato orixinal de bulevar que tivo a vía nos seus orixes e potenciar así o seu carácter como zona comercial e punto de encontro e convivencia dos cidadáns e cidadás.