O litoral de Arteixo ábrese ao público con dez rutas guiadas

O Concello de Arteixo porá en marcha este venres, 15 de maio, un ciclo de rutas guiadas para descubrir a riqueza ambiental, mariñeira e patrimonial do litoral arteixán. A programación inclúe dez saídas gratuítas, que se desenvolverán ata o domingo 21 de xuño baixo os títulos 'Historias do Mar' e 'Biodiversidade'.
As propostas combinan sendeirismo interpretativo, observación da natureza e divulgación do patrimonio local. Cada roteiro terá unha duración aproximada de entre unha e dúas horas e contará con 25 prazas por saída. As primeiras actividades celebraranse esta semana: 'Historias do Mar' comezará o venres ás 17.00 horas e 'Biodiversidade' terá a súa primeira cita o sábado, ás 11.00 horas.
A ruta 'Historias do Mar' partirá do Centro Mar de Sorrizo e permitirá coñecer algúns dos recunchos máis singulares da costa. O percorrido pasará por zonas de cantís, espazos salvaxes pouco transitados e puntos de interese para a observación de aves como o corvo mariño ou a gaivota argéntea. A andaina tamén chegará ata a Fervenza de Augacae, un salto de auga que desemboca no mar no límite entre Arteixo e A Laracha, e rematará no porto de Sorrizo, onde aínda se conservan pegadas do pasado artesanal e pesqueiro da zona.
Pola súa banda, a ruta 'Biodiversidade' ofrecerá unha aproximación á interpretación ambiental do litoral a través dun percorrido circular. A saída será desde o aparcadoiro da praia de Alba e incluirá vistas ao Porto Exterior da Coruña, paradas en puntos emblemáticos como o Monumento ao Voyeur, coñecido como 'O Vixiador', e visitas aos areais de Repibelo, A Salsa e Valcobo. O roteiro rematará nas proximidades do miradoiro do Illote da Herbosa, desde onde se poderán contemplar algunhas das panorámicas máis destacadas da costa.
As seguintes saídas de 'Historias do Mar' celebraranse os días 30 de maio, con dobre horario, e o 7 e 14 de xuño. No caso de 'Biodiversidade', haberá novas citas o 22 e 24 de maio e o 6 e 21 de xuño. Os horarios variarán segundo a xornada, con rutas de mañá ás 11.00 horas e de tarde ás 17.00 horas.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da web municipal de Turismo de Arteixo.