O legado de Nikola Tesla prende no Parrote cunha mostra interactiva

O Paseo do Parrote acolle a exposición 'Nikola Tesla. O xenio da electricidade moderna', unha mostra interactiva que achega ao público a figura dun dos inventores máis influentes da historia da ciencia. A proposta, con entrada gratuíta, poderá visitarse ata o 10 de xuño
A exposición percorre a vida e o traballo de Nikola Tesla, enxeñeiro e inventor clave no desenvolvemento da electricidade moderna. A través de distintos módulos electromecánicos, recursos divulgativos e experimentos, a mostra permite coñecer algunhas das súas achegas máis importantes e entender de maneira visual os principios físicos que fixeron posible boa parte da tecnoloxía actual.
O percorrido está pensado para todos os públicos e combina contidos históricos con experiencias prácticas. Os visitantes poderán achegarse ao funcionamento dalgúns dos inventos máis coñecidos de Tesla e comprender o alcance dun legado que segue presente na vida cotiá, desde os sistemas eléctricos ata múltiples avances vinculados á enerxía e ás comunicacións.
A mostra, presentada por primeira vez en España en colaboración co Nikola Tesla Museum de Belgrado, tamén ofrece visitas guiadas adaptadas ao nivel educativo do alumnado. Os centros interesados poden reservar a través do teléfono 900 801 137.