O legado de Andrés Freire Conde regresa ao Museo das Mariñas de Betanzos

ACoruñaXa
A exposición “Betanzos histórico e monumental” reúne obras recuperadas e cedidas por particulares
Betanzos histórico e monumental
26 Dec 2024

Dende este xoves 26 de deembro o Museo das Mariñas de Betanzos acolle a exposición “Betanzos histórico e monumental” de Andrés Freire Conde. O acto de inauguración contou coa presenza da alcaldesa, María Barral, familiares do artista e numerosos veciños que buscan homenaxear unha das figuras máis destacadas da arte local.

Esta mostra supón un retorno ao pasado, ao recuperarse moitas das obras expostas en 1978, cando Freire Conde presentou os seus debuxos en Betanzos cun éxito rotundo, chegando a vender a maioría das súas creacións a coleccionistas particulares. Grazas á colaboración deses propietarios, a exposición inclúe pezas daquela histórica exhibición, así como outras que reflicten a evolución artística do pintor entre 1959 e 2002.

O traballo de Freire Conde destaca pola súa capacidade para capturar a esencia monumental e histórica de Betanzos utilizando o seu inseparable rotulador Flo-Master. Os seus debuxos, precisos e cheos de personalidade, retratan a cidade en diferentes épocas, resaltando a beleza da súa arquitectura e paisaxes urbanas.

A exposición “Betanzos histórico e monumental” supón unha oportunidade única para achegarse ao legado dun artista que soubo inmortalizar a alma dunha cidade e que, coas súas obras, segue a inspirar as xeracións actuais. A mostra estará dispoñible no Museo das Mariñas durante as vindeiras semanas, ofrecendo unha ocasión ideal para os amantes da arte e da historia local.

0.17362403869629