O Jogafán Ordes F.S. prepara o seu campus de Nadal con fútbol sala e actividades deportivas

O Jogafán Ordes F.S., en colaboración co Concello, organizará unha nova edición do seu campus de Nadal durante as vacacións escolares. A proposta combinará a práctica do fútbol sala con xogos e outras actividades deportivas, co obxectivo de ofrecerlles aos participantes unha alternativa de lecer activo durante estas datas.
O campus terá lugar no pavillón Castelao II os días 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro, ademais do 4 e 5 de xaneiro. As sesións desenvolveranse en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas.
A actividade está dirixida a nenos e mozos de entre 5 e 16 anos. O programa incluirá exercicios técnicos e tácticos de fútbol sala, xogos e a práctica doutras disciplinas deportivas, con actividades adaptadas ás idades dos participantes.
A iniciativa busca fomentar a actividade física e a convivencia entre os máis novos durante o período vacacional, ao tempo que facilita a conciliación das familias durante as festas do Nadal.
As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a inscrición poden contactar con Álvaro no teléfono 608 451 723.