O Ineltrón Santo Domingo Betanzos inicia a temporada cun duelo de Copa ante o Culleredo

O balón volverá botar no pavillón José María Valeiro Iglesias 'Tocayo' este domingo coa estrea do Ineltrón Santo Domingo Betanzos na nova temporada. O equipo betanceiro abrirá o curso cunha eliminatoria da Copa Galicia fronte ao Culleredo, nun encontro que servirá tamén como primeira proba para o cadro dirixido por José Amando Pena 'Soviético'.
A cita está programada para este domingo, 6 de setembro, ás 17.00 horas. O rival será un Culleredo que, segundo o técnico betanceiro, parte como un dos equipos chamados a loitar polas posicións altas da clasificación despois de reforzar notablemente o seu cadro de xogadores.
A Copa Galicia contará con tres xornadas, previstas para os días 6, 13 e 20 de setembro. Para o Santo Domingo Betanzos, máis alá dos resultados, estes encontros servirán para poñer en práctica os sistemas de xogo e permitir que o equipo vaia collendo ritmo competitivo antes do comezo da liga.
O conxunto betanceiro manterá como adestrador principal a José Amando Pena 'Soviético', con Chema Carretero como axudante. A intención é dar continuidade ao bloque da pasada temporada, aínda que o equipo terá a importante baixa de Dani Martín por motivos laborais.
Outra das incógnitas estará no regreso de Ernest, que continúa co seu proceso de recuperación tras unha grave lesión de xeonllo que o mantivo afastado das pistas durante toda a temporada pasada. O club traballa coa expectativa de que poida volver competir ao longo deste novo curso.
O técnico betanceiro agarda unha temporada especialmente esixente no grupo de Terceira FEB, antiga Liga EBA, debido ao reforzo de varios dos equipos que o integran. Entre os rivais que, a priori, parten con aspiracións elevadas están conxuntos como Gijón, Marín, Oviedo, Culleredo, Carballo ou Recoletas Carbajosa Salamanca.
Despois da preparación coa Copa Galicia, a competición ligueira arrancará o 3 de outubro cun desprazamento a Chantada. O primeiro partido do Santo Domingo Betanzos diante da súa afección chegará unha semana despois, o 11 de outubro, coa visita da Universidade de Oviedo.
O cadete tamén inicia a Copa Galicia
A actividade competitiva do club non se limitará ao primeiro equipo. O cadete de J.Caamaño Arquitecto será o outro conxunto do Santo Domingo Betanzos que comezará a temporada esta fin de semana.
O equipo adestrado por José Espiñeira debutará na Copa Galicia de Primeira División este sábado, 5 de setembro, ás 18.00 horas, no Anexo dos Pazo dos Deportes de Lugo, onde se medirá ao Estudiantes Lugo.