O II Día do Deporte en Bergondo será o sábado 6 de abril no albergue de Gandarío

ACoruñaXa
Durante toda a xornada haberá exhibicións e eventos participativos de case 20 disciplinas, entre as que destacan escalada, tiro con arco, parkour e skate
Imaxe recurso deportes
Imaxe recurso deportes
19 mar 2024

O Concello de Bergondo organiza, o  vindeiro sábado 6 de abril, a segunda edición do 'Día do deporte en Bergondo',  unha xornada na que veciños e veciñas poderán probar case unha vintena de disciplinas e asistir a diferentes exhibicións.

A iniciativa, que xa foi un éxito o ano pasado, se desenvolverá no Albergue de Gandarío de Bergondo.  Ás 12.00 horas abriranse as portas, con demostracións de disciplinas como o kajukenbo (arte marcial), ximnasia rítmica, ciclismo, atletismo, baloncesto e salvamento acuático, que se celebrarán durante toda a xornada

Todos e todas aqueles que se animen a participar, ademais de asistir ás exhibicións, poderán probar ata 13 disciplinas deportivas: escalada, tiro con arco, triciclos, parkour e skate, voley, tenis, bádminton, florball, kin-ball, goal-ball, minigolf, kaiak e diferentes xogos populares. Ademais, tamén se poderá levar a bici.

O horario do evento deportivo será de 12.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.00 horas. No espazo de descanso, de 14.00 a 15.30 horas, repartiranse, totalmente gratis, callos, pizza e froita para todos e todas as participantes. Tamén se poderá levar comida ás zonas habilitadas do albergue de Gandarío.

O prazo de inscripción para participar péchase o luns 1 de abril ás 14.00 horas. Para asegurar a praza con antelación é necesario cubrir o formulario que aparece na seguinte dirección: II Día do Deporte en Bergondo.

Con todo, existe a posibilidade de inscribirse o mesmo día da actividade no espazo situado a tal fin, cubrindo a solicitude de participación. Como dato a ter en conta, todos os menores de 14 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable do menor ou a menor.

Para desenvolver esta iniciativa, colaboran o CBM Oleiros; o Club Salvamento Sada; o Club Rítmica Ausarta; o Club Ciclista Skapaos; a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva de Boxing As Mariñas; o Club Atlético Bergondo; a APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar e Protección Civil de Bergondo.

Cartel día del deporte Bergondo