O II Certame de Pintura Rápida Xosé Casal en Vilasantar ofreceu 2.500 euros en premios
O Concello de Vilasantar celebrou a segunda edición do certame de pintura rápida en homenaxe a Xosé Casal, pintor, gaiteiro e compositor nacido na vilasantaresa parroquia de Barbeito. Os 17 artistas participantes realizaron as súas obras inspiradas nas parroquias de Armental, Présaras e Vilariño, cun tempo máximo de oito horas para finalizalas.
O propio Xosé Casal, acompañado de Pedro Taboada, presidente de Pintores de Galicia, percorreron o municipio para observar o progreso das obras, que plasmaron lugares como o santuario da Laxe, o cruceiro de Présaras, a antiga fábrica de tecidos de Présaras ou as instalacións de Bacalaos Boado.
Xa pola tarde, a veciñanza achegouse á casa do Concello para desfrutar da exposición cos 17 cadros presentados. A continuación, tras a deliberación do xurado, formado por Xosé Casal, Pedro Taboada e a concelleira vilasantaresa Claudia Maques, entregáronse os cinco premios ás obras mellor valoradas.
O quinto posto, patrocinado por Pintores de Galicia e cun importe de 300 euros, foi para Eduardo Pérez Baamonde, que plasmou a antiga fábrica de tecidos de Présaras, agora reconvertida en granxa gandeira. O cuarto posto, patrocinado por Bacalaos Boado cunha achega de 300 euros, foi adxudicado a Juan Carlos Triñanes Buceta, cunha paisaxe incluíndo o cruceiro e igrexa de Vilariño.
O terceiro posto, patrocinado por Fontambre SL e cun importe de 400 euros, logrouno unha escena no santuario da Laxe, da man de Laureno Fernández Vidal. O segundo premio, valorado en 500 euros e patrocinado por GSV Agro, foi concedido a Jose Luis García Miranda, que plasmou unha visión do santuario da Laxe dende o a ribeira do río. Finalmente, o primeiro premio, patrocinado polo Concello de Vilasantar e valorado en 1.000 euros, foi para Manuel Carballeira, que retratou unha panorámica do río e a contorna da Laxe.
O homenaxeado que da nome ao certame, Xosé Casal, valorou moi positivamente a calidade das obras presentadas, lembrou os seus inicios na pintura e animou á veciñanza de Vilasantar a iniciarse na arte da pintura para participar en futuras edicións.