O IES Salvador de Madariaga terá un patio cuberto
Na sesión ordinaria da Xunta do Goberno local da Coruña celebrada este mércores deuse luz verde, de forma inicial, ao estudo de detalle presentado pola Xunta co obxectivo de cubrir un dos patios exteriores do IES Salvador de Madariaga, na contorna do polígono de Náutica.
“Colaboramos coa Xunta para promover a mellora das infraestruturas nos centros educativos da cidade, unha cuestión que é da súa competencia, mais na que tamén o Concello está a amosar o seu compromiso coa comunidade educativa”, indicou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, que citou, por exemplo, a licitación das obras para humanizar o patio exterior do CEIP Ramón de la Sagra, en Elviña, e tamén a recente aprobación do cambio de uso para dotar o Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, no Barrio das Flores, dunha parcela municipal na que se creará un patio de xogos para o alumnado do centro.