O IES de Curtis, sitúase entre os catro centros educativos galegos co certificado Erasmus+

ACoruñaXa
Na súa aposta pola internacionalización da ensinanza conta con 5 alumnos cursando prácticas en Italia a través da Consellería de Eduación e está a desenvolver unha xornada de cofraternización co centro irlandés Colaiste Iascaigh
Imaxe dos alumnos do IES de Curtis e do centro irlandés Colaiste Iascaigh
Imaxe dos alumnos do IES de Curtis e do centro irlandés Colaiste Iascaigh
17 abr 2024

A aposta pola internacionalización da ensinanza no IES de Curtis vén de ser recoñecida. O centro acaba de ser acreditado, no mes de febreiro, no programa ERASMUS+ no sector de Educación Escolar. Da importancia de que o instituto veña de conseguir este recoñecemento dan fe os datos, xa en Galicia tan só catro centros foron seleccionados polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (Sepie).

Dende o Concello de Curtis informan de que a noticia foi recibida cunha enorme satisfacción na comunidade educativa, así o recoñecía este mércores o director, Ángel Laxe, quen apuntaba que esta nova “significa poder executar durante catro anos actividades de mobilidade para a aprendizaxe e de forma regular. Ademais, garántese o financiamento das actividades asociadas a Erasmus+ ata 2027 podendo continuar coa realización de estadías formativas para alumnado da ESO e Bacharelato, e actividades de formación e job-shadowing de profesorado de Secundaria”.

Na actualidade, e a través da Consellería de Educación, o centro conta con cinco alumnos cursando prácticas en Italia. Tres deles do ciclo medio de sistemas microinformáticos e redes e dous do ciclo medio de electromecánica de vehículos automóbiles. Esta semana tamén comezarán a súa estadía en Italia tres alumnos do grao básico de mantemento de vehículos.

Ademais, o centro está a realizar unha xornada de cofraternización co centro irlandés Colaiste Iascaigh ao recibir o pasado domingo e ata o xoves a vinte e dous alumnos deste instituto. Encóntranse visitando diferentes puntos de Galicia e realizando actividades cos escolares de Curtis. No día de onte escolares de ambos centros realizaron un tramo do camiño de Santiago e na mañá de hoxe acudiron á casa de artista María Antonia Dans.