O humor da obra 'De algo hai que morrer' chega este venres a Curtis
O Recinto Feiral de Curtis acollerá este venres 15 de novembro a obra de teatro "De algo hai que morrer", un espectáculo humorístico da compañía Malasombra Producións que foi premiado co galardón FETEGA 2023. A función terá lugar ás 21:00 horas, será gratuita e non require inscrición previa, permitindo o acceso de todos os públicos, aínda que está recomendada a partir de 14 anos.
'De algo hai que morrer' é unha obra que combina o humor e a reflexión, explorando o tema universal da morte. Os protagonistas, dous científicos peculiares, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, comparten as súas divertidas investigacións sobre este inevitable destino humano, dende a morte de famosos coma John Lennon e Amy Winehouse ata a traxedia da inmortalidade. A obra, escrita por Jose Prieto e dirixida por Marcos Orsi, destaca pola súa escenografía, iluminación e humor satírico que arrinca risos e, ao tempo, invita á reflexión.
A través de escenas disparatadas e surrealistas, esta comedia busca analizar e desmitificar o tema da morte. É unha oportunidade única para o público de Curtis para gozar dun espectáculo que, a pesar da súa temática, promete entreter e facer rir sen parar.