O hockey base galego vive en Ordes unha final chea de emoción e cun podio local

ACoruñaXa
O Club Patín Zendal Ordes logrou o terceiro posto prebenxamín no seu primeiro ano de vida
ORDES club patin 3ros
18 Jun 2026

O Pavillón Castelao de Ordes acolleu o pasado sábado a fase final do Campionato Galego de Hockey sobre Patíns nas categorías benxamín e prebenxamín, unha cita que reuniu algúns dos mellores equipos de Galicia nunha xornada marcada pola emoción, a deportividade e o bo nivel competitivo.

Na categoría benxamín, o título foi para Dominicos Incor, seguido de Compañía de María Azul Azul e HC Liceo A. O cuarto posto foi para HC Cíes Flúor. En prebenxamín, o campionato rematou coa vitoria de CH Oleiros Mera, con Dominicos TCP como subcampión e Club Patín Zendal Ordes no terceiro posto. O HC Liceo A completou a clasificación final.

Para o club ordense, o torneo tivo un significado especial. No seu primeiro ano de vida, a entidade conseguiu subir ao podio galego cun meritorio terceiro posto prebenxamín, un resultado que reflicte o traballo dos xogadores e xogadoras, a implicación do equipo técnico e o apoio das familias.

Durante a xornada tamén se fixo entrega oficial do título de campioas galegas sénior ao Berenguela HC, en recoñecemento á súa destacada tempada. O Club Patín Zendal Ordes agradeceu a colaboración da Federación Galega de Patinaxe, do Concello de Ordes e da afección que encheu de ambiente unha gran festa do hockey sobre patíns.

0.13151907920837