O historiador Alfredo Vigo Trasancos ingresa no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses

ACoruñaXa
O catedrático da USC, Alfredo Vigo Trasancos, expuxo o seu estudo de ingreso baixo o título ‘Directo al corazón de la Ciudad Vieja de A Coruña: Sueños y realidad de la antigua plaza de la Harina, hoy llamada de Azcárraga (1700-1897)’
O catedrático Alfredo Vigo ingresa no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses
1 Mar 2024

O Salón de Sesións do Palacio de María Pita acolleu esta tarde de xoves a cerimonia de ingreso do historiador Alfredo Vigo Trasancos no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto e destacou o Palacio de María Pita como o “quilómetro cero da cidade e tamén do seu coñecemento e razón, tan ben representado nesta tarde de febreiro”. Estivo acompañada polo concelleiro responsable da área de Cultura, Gonzalo Castro e Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Institutos Coruñeses.

Durante o evento, a alcaldesa definiu o catedrático como “un deses ferroláns da Coruña, ou coruñés de Ferrol, que mellor representa a erudición ártabra”. Destacou o seu traballo como historiador de Galicia e da Coruña. “O intenso labor histórico desenvolvido por Vigo Trasancos abrangue moito territorio histórico, que vai desde a Torre de Hércules ata Luís Seoane e ademais sempre amosando especial tendencia a actuar na realidade, con luces longas, sen ningunha intención de reducirse a un nicho intelectual” aseverou.

O catedrático, Alfredo Vigo Trasancos, expuxo o seu estudo de ingreso baixo o título ‘Directo al corazón de la Ciudad Vieja de A Coruña: Sueños y realidad de la antigua plaza de la Harina, hoy llamada de Azcárraga (1700-1897)’. Alfredo Vigo presentou as diferentes etapas da transformación da actual praza de Azcárraga, que en case dous séculos pasou de ser punto de referencia social e político do século XVI a converterse nun símbolo da burguesía coruñesa de finais do século XIX. Ademais, o historiador puxo especial atención no seu estudo á itinerancia do edificio consistorial, orixinariamente situado na praza da Fariña.

Inés Rey quixo rematar a súa intervención reivindicando o legado histórico da Coruña como motor de Galicia tamén na defensa do galeguismo. “Ese orgullo de cidade, orgullo coruñés, toma hoxe a súa mellor representación en Alfredo Vigo Trasancos. Un coruñesismo que non pode ser senón galeguista de acordo coa súa historia” concluíu.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16610598564148