O Guísamo Folk reúne a máis de 20.000 persoas na súa 25ª edición

ACoruñaXa
O festival de Bergondo ampliou este ano o seu formato con concertos desde o mediodía e pechou a xornada de madrugada coas actuacións de Alana e The Rapants
BERGONDO the rapants guisamo folk
23 Aug 2026

Máis de 20.000 persoas pasaron ao longo da xornada por Guísamo para celebrar a 25ª edición do Guísamo Folk, que este ano apostou por ampliar o seu formato habitual de tarde e noite para comezar xa ao mediodía.

O cambio permitiu converter o Campo da Feira no punto de encontro dunha xornada que combinou música, comida campestre e tradición ata ben entrada a madrugada. A primeira parte do programa arrancou con Treixadura, que actuou ante unha carballeira chea de público e repasou algúns dos seus temas máis coñecidos, como 'Se chove', 'Miñas Cousas' ou 'Santo Amaro'.

'É a primeira vez na nosa traxectoria que actuamos de día, ver todas as caras é unha sensación moi agradable', sinalou o grupo durante a súa actuación.

Tras Treixadura chegou a quenda da Agrupación de Música Tradicional de Bergondo máis Amig@s, formada por alumnos e alumnas da escola de música tradicional local, encabezados por Pedro Lamas e acompañados para a ocasión por outros músicos profesionais.

A sesión vermú deu paso despois á tradicional comida campestre no Campo da Feira, antes de que os concertos se retomaran ás 19.00 horas.

Luar na Lubre e Radio Cos toman o relevo

Un dos momentos máis especiais da xornada chegou con Luar na Lubre, grupo que xa participara na primeira edición do Guísamo Folk no ano 2000. A formación regresou 25 anos despois para celebrar sobre o escenario o aniversario do festival.

A actuación conseguiu levantar o público das mesas e trasladar o ambiente festivo por todo o Campo da Feira. O grupo interpretou algúns dos seus temas máis recoñecidos e lembrou tamén o seu vínculo con Bergondo.

'Só hai dous Lubres en Galicia, un está en Ares, onde estivemos hai pouco tocando, e outro está aquí, en Bergondo', explicou Bieito Romero, que destacou o significado de regresar ao festival coincidindo tamén co 40 aniversario da formación.

Despois foi a quenda de Radio Cos, o proxecto encabezado por Xurxo Fernandes e Quique Peón que combina folclore tradicional das aldeas galegas con instrumentos propios da música popular. Pedro Lamas, integrante da formación e músico bergondés, volveu actuar ante os seus veciños e veciñas.

Alana e The Rapants poñen o broche final

A recta final do festival estivo protagonizada por Alana, unha das formacións que máis forza está adquirindo no panorama musical galego. A súa proposta, que mestura música tradicional, electrónica e pop, fixo bailar o público con cancións do seu último disco, 'Un saber'.

O concerto contou ademais coa colaboración do músico bergondés Andrés Boutureira, que se sumou á actuación ante os seus veciños.

Xa de madrugada chegou un dos momentos máis esperados con The Rapants, que se estreaba no Guísamo Folk. A banda fixo gala da súa enerxía e dunha proposta máis próxima ao pop e ao rock, conseguindo manter o Campo da Feira cheo durante o tramo final da celebración.

'É a primeira vez que actuamos en Bergondo, e aínda que o folk non sexa o noso estilo, respectámolo moito e estamos encantados de que nos convidásedes a formar parte deste cartel', explicou o grupo.

O público respondeu cunha das imaxes máis chamativas da noite ao crear avións humanos ao ritmo de 'O avión'.

Coa actuación de The Rapants púxose o punto final a unha 25ª edición que ampliou por primeira vez o seu horario ata converter o Guísamo Folk nunha xornada completa de música e celebración, desde os primeiros concertos do mediodía ata o peche de madrugada.

0.13129281997681