O grupo PAVA presentará o seu novo álbum 'Pava 3' na sala Mardi Gras o 5 de xaneiro

A banda PAVA, recoñecida co Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, presentará o seu terceiro álbum, Pava 3, nun concerto que terá lugar o domingo 5 de xaneiro ás 22:00 horas na sala Mardi Gras da Coruña. Este evento será a primeira ocasión para escoitar en directo todos os temas do novo traballo, entre os que destacan os sinxelos Catastro e O himno da lesión, lanzados o pasado 29 de novembro.
As entradas, dispoñibles por 13 euros, poden adquirirse desde esta mañá a través da plataforma web.
PAVA está liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, e conta con Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. O álbum, que verá a luz este mes de decembro, destaca pola súa coidada produción, a cargo do propio grupo e de Julián Goicoa.