O goberno local de Betanzos levará a Pleno unha nova ordenanza de regulación do servizo de taxi

ACoruñaXa
O obxectivo da proposta é garantir o servizo durante as 24 horas
servizo-taxi-recurso
26 Jul 2026

O goberno local levará ao vindeiro Pleno a aprobación inicial da nova Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi, un texto que permitirá actualizar a normativa municipal, adaptándoa á lexislación vixente, pero que, sobre todo, nace coa vontade de resolver unha das principais preocupacións trasladadas pola veciñanza nos últimos anos: garantir que o servizo de taxi estea dispoñible durante as 24 horas do día.

A alcaldesa, María Barral, explicou que o Concello leva tempo recibindo queixas de usuarios pola ausencia de taxis, especialmente en horario nocturno, unha situación que considera incompatible cun servizo público esencial. "O taxi é un servizo fundamental para moitas persoas, tanto para desprazamentos relacionados co traballo como para acudir a citas médicas, regresar ao domicilio con seguridade ou atender calquera outra necesidade. O Concello non pode permitir que haxa franxas horarias nas que este servizo simplemente non exista", sinalou. Dende fai meses, o Concello vén traballando nesta ordenanza que agora será levada a Pleno para atallar o problema.

Precisamente, por este motivo, a nova ordenanza incorpora mecanismos que permitirán ao Concello organizar os horarios, quendas e descansos do servizo cando sexa necesario para garantir unha cobertura adecuada e permanente. O obxectivo non é outro que asegurar que a cidadanía poida dispoñer dun taxi sempre que o precise, conciliando ao mesmo tempo os dereitos dos profesionais coa prestación dun servizo público de calidade.

O texto foi elaborado de acordo coa Lei 4/2013 de transporte público de Galicia e co Decreto 103/2018, cumprindo todos os requisitos legais establecidos. Ademais da consulta pública previa, a ordenanza foi negociada co sector e conta co informe favorable da Secretaría municipal, polo que será sometida agora á aprobación inicial do Pleno.

A regulación tamén introduce importantes melloras para modernizar o servizo e reforzar as garantías para os usuarios. Entre elas figura a limitación da antigüidade máxima dos vehículos a doce anos, a regulación dos taxis adaptados para facilitar a mobilidade das persoas con diversidade funcional, a obrigatoriedade de exhibir de forma visible as tarifas e a identificación do vehículo e do condutor, así como a emisión de factura cando sexa solicitada. Tamén se regulan elementos de seguridade como as mamparas ou as cámaras e prohíbese expresamente a publicidade sexista nos vehículos.

Outro dos aspectos destacados da ordenanza é a actualización do réxime das licenzas municipais, establecendo un sistema máis transparente para o seu outorgamento, transmisión e extinción. O texto fixa requisitos actualizados para acceder á titularidade dunha licenza, limita a concentración das mesmas e crea un rexistro municipal que permitirá un maior control sobre a prestación do servizo.

Unha vez aprobada inicialmente polo Pleno, a ordenanza permanecerá en exposición pública durante un prazo de trinta días para que calquera persoa ou entidade poida presentar alegacións ou suxestións. No caso de non rexistrarse reclamacións, o texto quedará aprobado definitivamente, entrando posteriormente en vigor para permitir ao Concello dispoñer dunha ferramenta normativa que garanta un mellor funcionamento do servizo de taxi en Betanzos.

0.12124300003052