O Goberno inviste en Bergondo máis de 6 millóns na mellora de servizos e infraestruturas
Na mañá deste luns 25 de marzo, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reuníronse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, para supervisar o avance dos proxectos do Goberno no municipio, que suman máis de 6 millóns de euros en investimentos para mellorar servizos e infraestruturas.
Na reunión de traballo celebrada na Delegación do Goberno na Coruña, Pedro Blanco, puxo en valor o compromiso do Goberno co municipalismo, “un feito que se reflicte na financiación incondicionada a todos os Concellos de Galicia, facendo especial fincapé nos pequenos municipios como Bergondo, no que traballamos da man da alcaldesa para impulsar iniciativas estratéxicas en materia de sustentabilidade ambiental, infraestruturas, dixitalización ou a loita contra a violencia de xénero, entre outras”.
Máis en concreto, Pedro Blanco e Alejandra Pérez valoraron o avance dos traballos de execución da glorieta en Guísamo, na Nacional VI, ao seu paso polo municipio, e a alcaldesa trasladou os problemas puntuais que están xurdindo durante a execución. En materia de seguridade viaria tamén se puxo sobre a mesa a actuación que o Goberno está a acometer na Nacional VI en Cortiñán e a posibilidade de transformar o tramo urbano de Guísamo nunha travesía . Neste senso, a rexedora pediulle ao delegado que se axilicen o máximo posible ditas obras.
Ademais, abordaron os traballos de rehabilitación da Casa Consistorial que está a executar o Concello cunha axuda de 457.000 euros do Plan de Recuperación do Goberno, a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local) do Ministerio de Transportes. Así mesmo, aproveitaron o encontro para examinar o proxecto técnico de estabilización dos noiros da praia do Regueiro, que está en fase de exposición pública, e que contempla a limpeza e a instalación de malla de protección nos noiros, a realización dun muro de protección e unha senda peonil para facilitar o tránsito cara á costa.
“Investimentos centrados en atender as necesidades e demandas dos veciños e veciñas de Bergondo, cun compromiso claro de afrontar o reto demográfico e evitar o despoboamento do rural galego”, salientou Pedro Blanco.
Tanto o delegado como a alcaldesa destacaron a colaboración e coordinación entre as dúas administracións coa vontade de seguir traballando para facer realidade proxectos de especial relevancia para o futuro da localidade.