O Goberno de Miño leva a pleno a conta xeral do 2023, que volve reducir a débeda municipal
O goberno local de Miño propoñerá á Comisión de Contas da Corporación a aprobación da Conta Xeral municipal do ano 2023, un exercicio no que continúan cumpríndose os dous obxectivos financeiros principais: a redución da débeda e o aumento do remanente de tesourería.
En canto á redución da débeda, o Concello de Miño logrou rebaixala en 691.421 euros desde os 20,1 millóns ata os 19,4 millóns. Desta forma, Miño encadea un ano máis rebaixando o seu pasivos froito da xestión rigorosa, sensata e realista realizada polo goberno que dirixe Manuel Vázquez Faraldo.
Outra noticia moi positiva para Miño é que o remanente de tesourería continúa permitindo ao Concello ter marxe para realizar investimentos e ampliar servizos para os e as miñenses. Concretamente, as contas municipais pecharon en 2023 con 1.488.050 euros de remanente líquido de tesourería, cifra lixeiramente superior á de 2022 (1.469.104).
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, explica que “a tendencia do remanente continúa á alza, o que é unha noticia excelente para o Concello, xa que, por unha banda, dános seguridade á hora de afrontar os prazos de pago da débeda e, por outro, podemos seguir realizando obras e prestando servizos aos veciños e veciñas”.
Faraldo engade que “a situación económica do Concello de Miño mellorou considerablemente nos últimos anos grazas á xestión do actual goberno local, que asentou unhas bases sólidas, con visión a medio e longo prazo, para poder conseguir o Miño que todos e todas queremos”.
Ademais, o rexedor miñense fai fincapé en que “estes resultados contables son agora máis importantes se cabe, pois a partir do actual exercicio, xa se volverán a aplicar en toda a Administración, as regras fiscais (estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda), que quedaran suspendidas pola pandemia; o que condicionará a xestión económica nos próximos anos”.