O goberno de Culleredo pide ao BNG aclaracións sobre as súas acusacións en relación ao IBI da AP-9

ACoruñaXa
O goberno local desminte as acusacións do BNG e asegura que os terreos da AP-9 están correctamente rexistrados no Catastro
Imaxe do mapa de parcelas na AP-9 por Culleredo
Imaxe do mapa de parcelas na AP-9 por Culleredo
20 sep 2024

goberno local de Culleredo instou ao BNG a aclarar o contido da súa moción sobre o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) á concesionaria Audasa polo paso da AP-9, tras as acusacións realizadas pola formación nacionalista. O executivo local cualificou de graves as declaracións públicas do BNG, nas que sosteñen que gran parte dos terreos da autopista non figuran no Catastro.

Segundo o goberno municipal, as afirmacións do BNG non son correctas, xa que aseguran que o Catastro si ten rexistradas cinco parcelas pertencentes a Autopistas del Atlántico en Culleredo, cunha superficie total de 215.065 metros cadrados. Invitan, ademais, a consultar estas informacións na sede do Catastro para contrastar os datos, negando que o trazado da autopista non figure no rexistro como suxire o BNG.

O executivo local advertiu que, de non haber unha aclaración por parte do BNG, poderíase considerar que están a difundir información falsa. Así mesmo, lembran que a xestión do Catastro é competencia estatal e que o Concello delega a súa actualización na Deputación da Coruña.

O goberno municipal agarda unha resposta por parte do BNG para esclarecer esta situación e evitar confusións entre a veciñanza.

0.20155096054077