O goberno de Cambre avanza cara aos Orzamentos de 2025 nunha nova xuntanza coa oposición

O equipo de goberno de Cambre, liderado pola alcaldesa María Pan, continúa traballando nas negociacións dos Orzamentos municipais para 2025, cunha proposta de 21.244.613,19 euros. Esta mañá celebrouse a cuarta reunión cos grupos da Corporación municipal, na que participaron tamén o concelleiro de Economía e Facenda, Daniel Mallo, e o responsable de Urbanismo, Obras, Servizos, Transporte e Medio Ambiente, Juan González Leirós. O BNG non puido asistir á convocatoria.
A xuntanza celebrouse despois de que, o pasado 11 de decembro, o equipo de goberno remitise á oposición a documentación orzamentaria actualizada, incorporando algunhas das peticións realizadas ao longo do proceso de negociación. Entre os temas tratados, o goberno local detallou as actuacións previstas no Plan Único da Deputación da Coruña e respondeu ás consultas sobre proxectos específicos. O obxectivo, segundo explicou a alcaldesa, é que as contas municipais sexan debatidas no pleno ordinario de xaneiro.
María Pan destacou a importancia de manter o diálogo aberto co resto dos partidos políticos: “Poñémonos a disposición dos grupos para resolver calquera dúbida antes do pleno, porque o noso obxectivo é sacar adiante uns orzamentos realistas e orientados a beneficiar ao maior número de veciños e veciñas”. A rexedora mostrouse optimista e confiou en que impere o interese xeral: “Esperamos ter aprobado o orzamento a finais de xaneiro”.
Un orzamento de 21,2 millóns de euros
O proxecto dos Orzamentos de 2025 supón un investimento total de 21.244.613,19 euros, repartidos principalmente entre gasto corrente en bens e servizos (44,75%) e o capítulo de persoal (37,47%). Entre os obxectivos prioritarios figuran a licitación dos servizos en situación precaria e o reforzo do persoal nos departamentos clave de Contratación, Secretaría e Intervención, cunha aposta clara pola mellora da eficacia administrativa.
Deste xeito, o Concello de Cambre busca dar resposta ás necesidades máis urxentes da localidade, garantindo un funcionamento máis eficiente dos servizos públicos e contribuíndo á mellora da calidade de vida dos seus habitantes.