O Goberno de Cambre acusa á oposición de bloquear a contratación dun técnico clave para o concello

ACoruñaXa
A alcaldesa critica a postura de PP, PSOE e BNG por impedir a transformación dun posto en categoría A1, dificultando a solución de problemas estruturais en contratación
Pleno extraordinario 20 de novembro en Cambre
21 Nov 2024

O Goberno de Cambre lamenta que a oposición, composta por PP, PSOE e BNG, rexeitase hoxe a transformación dun posto de A2 a A1 no departamento de contratación, malia contar cun informe favorable do xefe de área de Réxime Local. A alcaldesa, María Pan, criticou duramente esta decisión durante o pleno extraordinario, destacando que a medida era esencial para axilizar os procedementos administrativos e resolver problemas estruturais do concello.

“Cambre perde unha oportunidade única de avanzar en contratación por intereses partidistas. Non podemos aceptar que se prioricen cálculos políticos fronte ao interese xeral dos veciños”, afirmou Pan, quen incluso instou aos partidos da oposición a asumir a alcaldía se consideran que poden xestionar mellor.

Ademais, o Goberno lamenta que, ademais deste punto, quedasen sen aprobar outras modificacións de postos clave en áreas como cultura e servizos municipais.

A sesión extraordinaria tamén tratou o recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 241.408,56 euros, que si saíu adiante grazas aos votos de UxC e abstencións doutros grupos. Estes fondos permitirán pagar facturas atrasadas de subministracións e servizos básicos nos próximos días. O Goberno local reafirma o seu compromiso de regularizar a situación financeira e garantir os servizos á veciñanza, malia os obstáculos impostos pola oposición.

0.17616295814514