O GDR Mariñas-Betanzos inviste preto dun millón de euros de fondos LEADER para impulsar 21 proxectos

O Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos impulsa, na súa condición de entidade xestora dos fondos LEADER na comarca, un importante paquete de proxectos dentro da convocatoria 2026-2028. Esta semana, na reunión da xunta directiva, aprobáronse un total de 21 proxectos cun financiamento de 986.155,22 euros.
Os proxectos produtivos do ámbito privado reciben 696.614,28 euros de LEADER. Neste apartado, o GDR financiará, entre outros, a creación dun establecemento turístico con coworking en Curtis, a rehabilitación dun muíño para uso de libraría e vivenda en Carral, a urbanización dunha vivenda comunitaria para maiores dependentes en Sada, a creación dun servizo itinerante de ioga e meditación en Oleiros, un servizo de cartografía 3D en Abegondo ou unha escola de educación canina en Bergondo.
En canto aos proxectos non produtivos públicos, a contía financiada é de 150.000 euros. Entre eles, atópanse a restauración do lavadoiro en Casa Indiana, por parte do Concello de Curtis, e a reforma da área recreativa de Marco das Eiras, por parte do Concello de Carral.
Para o sector privado, o financiamento de proxectos non produtivos é de 139.540,94 euros. Neste apartado figura a creación dun espazo cultural comunitario inclusivo por parte da Asociación Agarimo, de Arteixo, e a recuperación da paisaxe produtiva no Pazo de Illobre, en Betanzos, por parte da Fundación Condado de Taboada.
O presidente do GDR Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, puxo en valor o enorme impacto desta resolución: «O programa LEADER é un verdadeiro motor para fixar poboación no noso territorio. Con este financiamento non só estamos apoiando os emprendedores que deciden apostar polo medio rural, senón que estamos creando emprego, recuperando patrimonio e dotando os nosos veciños de servizos de proximidade que melloran exponencialmente a súa calidade de vida».
Santiso subliñou ademais a calidade das iniciativas presentadas nesta convocatoria: «A variedade e a innovación dos 21 proxectos aprobados demostran o dinamismo da nosa xente e a enorme capacidade da nosa comarca para aproveitar o potencial do rural e seguir medrando».
O programa LEADER é unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), en cofinanciamento coa Xunta de Galicia, a través de Agader, e o Ministerio de Agricultura. A súa metodoloxía baséase en ceder a iniciativa de desenvolvemento ás comunidades locais, permitindo que sexan os propios axentes do territorio, a través do GDR, quen decidan que proxectos financiar para dar resposta ás necesidades reais da súa contorna.
A execución destes fondos supón un impacto directo na poboación da comarca. Por unha banda, fomenta a creación e o mantemento de emprego ao apoiar pemes, autónomos e emprendedores rurais que, doutro xeito, terían dificultades para financiar os seus proxectos. Por outra, os proxectos financiados amplían a carteira de servizos sociais, de benestar e de lecer para os veciños, como a atención ás persoas maiores ou as actividades culturais, e permiten a recuperación de espazos públicos e patrimoniais para o desfrute da comunidade.