O fútbol volverá ser protagonista do verán en Culleredo con catro torneos municipais

ACoruñaXa
As competicións de afeccionados, veteranos, fútbol base e feminino arrancarán este 9 de agosto e culminarán o 2 de setembro no Municipal de Rutis
CULLEREDO xxvi trofeo futbol veteranos
8 Aug 2026

O fútbol volverá ocupar un lugar destacado na programación deportiva do verán en Culleredo coa celebración dunha nova edición dos seus tradicionais trofeos municipais. As competicións comezarán este domingo 9 de agosto e estenderanse ata o 2 de setembro, reunindo equipos de categorías afeccionada, veterana, base e feminina.

O primeiro en arrancar será o XLVII Trofeo de Fútbol Afeccionado, no que participarán sete equipos distribuídos en dous grupos. A fase regular disputarase entre o 9 e o 29 de agosto en distintos campos do municipio, mentres que a final terá lugar o 29 de agosto no Municipal de Rutis.

De forma paralela desenvolverase o XXVII Trofeo de Fútbol Veterano, que contará con oito equipos. Os encontros prolongaranse ata o 2 de setembro, data na que se disputará a gran final e coa que se pechará esta edición dos torneos.

A programación inclúe tamén o XII Trofeo de Fútbol Base, cuxa fase de grupos se xogará o 22 de agosto, mentres que as finais están previstas para o día 29 no Municipal de Rutis, coa participación de sete equipos.

Pola súa banda, o VIII Trofeo de Fútbol Feminino celebrarase o 30 de agosto nun formato triangular no que competirán o Sporting Burgo, o Club Feminino Celas e a AD Culleredo.

Entre os clubs participantes nas distintas categorías tamén figuran a UDJ Almeiras, o Olímpico de Rutis, o Portazgo SD, o Fontemaior e o SPM Veteranos.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, destacou o arraigamento destes torneos no municipio e asegurou que constitúen unha das grandes citas do calendario estival. Segundo sinalou, ademais de fomentar a práctica deportiva, estas competicións favorecen a convivencia entre clubs e xogadores, consolidándose como unha tradición do verán en Culleredo.

0.13721394538879