O fútbol base abre as súas portas en Oza Cesuras

O CF Oza Cesuras celebrará novas xornadas de portas abertas para achegar o fútbol base ás familias e a todos os nenos e nenas que queiran probar este deporte. A iniciativa permitirá coñecer o funcionamento do club, participar nun adestramento e compartir unha primeira experiencia nun ambiente de equipo.
As sesións desenvolveranse durante tres semanas. As primeiras citas serán o martes 26 e o mércores 27 de maio. A actividade continuará o martes 2 e o mércores 3 de xuño, e rematará coas xornadas previstas para o martes 9 e o mércores 10 de xuño.
O club estableceu horarios por categorías. O grupo alevín, para nados en 2014 e 2015, adestrará os martes ás 18.30 horas. A categoría benxamín, para os anos 2016 e 2017, tamén terá a súa quenda os martes, ás 17.00 horas. Os mércores será a quenda dos máis pequenos. A categoría prebenxamín, para nados en 2018 e 2019, e o grupo biberón, para os anos 2020 e 2021, participarán ás 17.00 horas.
No caso das categorías infantil, cadete e xuvenil, as familias interesadas deberán consultar directamente co club. A organización lembra que é obrigatorio contactar previamente para poder asistir ás xornadas.
O teléfono habilitado é o 609 042 380, a nome de Martín, exclusivamente a través de WhatsApp. Con esta proposta, o CF Oza Cesuras busca seguir impulsando o deporte base e animar a novas xeracións a achegarse ao fútbol.