O Fumega Fest consolídase como un referente internacional do stoner rock e o doom metal tras o seu éxito en Betanzos

GaliciaXa | ACoruñaXa
O festival incrementou un 30% a asistencia, atraeu público de distintos países e xa prepara unha terceira edición máis ambiciosa
BETANZOS fumega fest 2026
Imaxe de Borja Dicha
29 Jun 2026

O Fumega Fest pechou este fin de semana a súa segunda edición cun balance moi positivo, consolidándose como unha das principais citas do stoner rock e o doom metal na Península Ibérica. O festival, celebrado no Parque do Pasatempo de Betanzos, reuniu bandas de referencia internacional e rexistrou un notable aumento de asistentes, cunha destacada presenza de público estranxeiro.

Durante dúas xornadas, o recinto converteuse no punto de encontro para afeccionados chegados de diferentes países, xerando tamén un importante impacto económico na cidade ao dinamizar a actividade da hostalaría e do comercio local.

A programación reuniu algunhas das formacións máis destacadas do panorama europeo destes estilos musicais. A segunda xornada estivo encabezada polos ucraínos Stoned Jesus, un dos grandes reclamos desta edición, que puxeron o peche ao festival cun concerto marcado polos seus característicos riffs e atmosferas hipnóticas.

Antes pasaron polo escenario os islandeses Volcanova, os coruñeses Moura, os daneses Causa Sui e os cántabros Wet Cactus, completando unha xornada na que a psicodelia, a distorsión e a contundencia sonora foron protagonistas.

O venres abriron o festival os portugueses Travo, seguidos polos vigueses Lucifernaga. A noite continuou coa actuación dos británicos Conan, un dos nomes máis esperados do cartel, ademais dos portugueses Men Eater e dos suecos Burst, que regresaron á Península Ibérica tras décadas sen actuar.

Segundo a organización, esta edición supuxo un incremento do 30% na asistencia respecto ao pasado ano, cunha crecente presenza de público internacional, especialmente procedente de Portugal. Ademais, a participación de bandas chegadas de Islandia, Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Portugal e Ucraína reforzou a proxección internacional do evento.

O director do festival, Jordi Lauren, destacou que o Parque do Pasatempo confirmou o seu potencial como escenario para un evento destas características, ao combinar patrimonio histórico e música contemporánea nun espazo singular. Tamén asegurou que o crecente interese de artistas e xiras internacionais sitúa ao festival nunha posición privilexiada para continuar medrando.

A organización xa traballa na preparación dunha terceira edición coa intención de seguir elevando o nivel artístico e consolidar o Fumega Fest como unha cita imprescindible para os afeccionados ao stoner rock e ao doom metal na Península Ibérica.

Ademais da programación musical, o festival mantivo o seu compromiso coa sustentabilidade e coa protección da contorna, apostando por un modelo de evento responsable e por unha experiencia de calidade para o público.

0.12860703468323