O Fórum Metropolitano acolle este sábado unha formación para os integrantes das mesas electorais
Con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o vindeiro domingo 18 de febreiro o Concello da Coruña organiza o sábado 17 unha xornada formativa para as presidentas e presidentes das mesas electorais, na que as persoas asistentes poderán coñecer polo miúdo as funcións que terán que desenvolver este domingo na mesa á que foron asignados.
A sesión formativa terá lugar no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1), a partir das 10.00 horas. Será impartida polo Secretario Xeral do Concello da Coruña, asistindo á mesma o presidente e a secretaria da Xunta Electoral de Zona, que estarán á disposición das persoas asistentes para facilitarlles toda a información e aclaracións que sexan necesarias.
Ademais, os participantes recibirán un exemplar en papel do Manual de instrucións para os membros das mesas electorais. Desta forma, búscase facilitar as ferramentas e formación necesaria para que as persoas designadas para integrar as mesas electorais poidan executar as súas tarefas coa maior seguridade.
86 colexios e 297 mesas na cidade de cara a este domingo
O dispositivo electoral de cara aos comicios autonómicos do 18 de febreiro experimentará pequenas variacións con respecto ao que se dispuxo nas eleccións xerais do 2023. No termo municipal da Coruña haberá 86 colexios electorais -previamente eran 85- e 297 mesas -previamente eran 295-.
No tocante á creación de novas mesas, desdobráronse dúas ao exceder dos 1.000 electores: son a Mesa C: Distrito 9/Sección 4 (Centro Cívico de Mesoiro) e a Mesa C: Distrito 10/Sección 5 (Pavillón polideportivo da Sagrada Familia).
Outra das novidades será que na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) (Federico Tapia, 64) estarán localizadas catro mesas: as mesas A e B das Seccións 9 e 10 do Distrito 3, que anteriormente votaban no Palacio da Ópera, que pasa de 12 a 8 mesas.
A maiores, as dúas mesas únicas das Seccións 26 e 27 do Distrito 7 que votaban no colexio Liceo A Paz pasan ao pavillón polideportivo do Barrio das Flores.