O filme galego 'Garabato', de Alicia Úbeda, chega a ZINEBI tras a súa estrea internacional na India

ACoruñaXa
A curtametraxe, a única produción galega seleccionada na sección Spain Shorts, proxectarase o 21 de novembro no Teatro Arriaga de Bilbao
A CORUÑA directora alicia ubeda
16 Nov 2026

A curtametraxe 'Garabato', escrita e dirixida pola cineasta coruñesa Alicia Úbeda, foi seleccionada para participar en Spain Shorts, a sección de ZINEBI 68 dedicada ao cinema español recente. A película é a única obra galega incluída nesta edición do festival, que se celebra en Bilbao do 20 ao 27 de novembro. A súa proxección terá lugar o sábado 21, ás 12.00 horas, no Teatro Arriaga.

A selección chega despois da estrea internacional da película no 23º Kalpanirjhar International Short Fiction Film Festival, celebrado entre o 10 e o 13 de novembro en Calcuta (India). Deste xeito, 'Garabato' amplía o seu percorrido internacional antes de presentarse nun dos certames de referencia do cinema documental e a curtametraxe en España, que se celebra desde 1974.

A película afonda no universo emocional de dúas nenas, Alicia, de 15 anos, e Velia, de 8, que se moven entre a complexidade do mundo adulto e a inxenuidade propia da infancia. A relación entre ambas convértese no eixo do relato: a presenza de Velia funciona como un vínculo de protección para Alicia fronte a unha tristeza que ameaza con envolvela.

O guión naceu tras a participación de Úbeda na primeira residencia creativa de Oliver Laxe, Proyectos Esenciales, en 2022. A directora traballaba daquela no guión da longametraxe 'Chorima', que dará continuidade narrativa ao proxecto actual. 'Garabato' forma parte, xunto con outra curtametraxe, dunha triloxía titulada 'Cosas de niñas'.

A cineasta concibe o cinema como unha ferramenta para revisar experiencias persoais e darlles un novo significado. 'Para min era importante retratar sucesos dolorosos da miña vida cunha mirada que recolocase esa narrativa comprendendo todos os puntos de vista, e usando a linguaxe do cinema como unha ferramenta sanadora, para min e para as espectadoras', explica.

Unha triloxía sobre os vínculos afectivos

'Garabato' é a segunda curtametraxe de Alicia Úbeda e continúa o universo narrativo iniciado con 'Ratiña', o seu primeiro traballo, que en 2025 superou as vinte seleccións en festivais. Ambas as obras forman parte de 'Cosas de niñas', unha triloxía construída desde a autoficción que explora como as experiencias da infancia condicionan a maneira de establecer vínculos na idade adulta.

A proposta aborda cuestións como o rol de salvadora, o patrón de abandono ou a ferida do rexeitamento, cunha perspectiva que a directora define como 'optimista e amorosa'. O proxecto terá continuidade con 'Chorima', a súa primeira longametraxe, que se atopa actualmente en fase de desenvolvemento.

A selección de 'Garabato' en ZINEBI e a súa estrea internacional na India supoñen un novo paso na traxectoria da cineasta coruñesa e na difusión dunha proposta que sitúa no centro os afectos, a memoria e as relacións humanas.

A curtametraxe está coproducida pola galega Brava, responsable de títulos como 'Pringadas', 'Os reis imaxinarios' e 'Ratiña', e pola navarra Arquetipo Comunicación, produtora de 'Amanece la noche más larga', recoñecida cunha Biznaga de Prata no Festival de Málaga.

0.17808389663696