O Festival Viñetas desde o Atlántico amplía a súa oferta con actividades inclusivas para colectivos desfavorecidos
A 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña, regresa esta semana cunha programación ampliada que inclúe novas iniciativas de ‘Viñetas Inclusivas’, destinadas a colaborar con colectivos desfavorecidos. O evento, que se estenderá ata o 30 de setembro, comeza o martes 24 e contará con visitas guiadas, obradoiros e a presentación de publicacións que buscan sensibilizar sobre diversas problemáticas sociais.
As visitas guiadas, que terán lugar na Sala de Exposicións de Palexco do 24 ao 27 de setembro, estarán a cargo de Tonecho Otero en colaboración co Comité Cidadán Antisida da Coruña. Estas visitas centraránse nas exposicións de Marc Torices, Susanna Martín, e a mostra dos Premios Castelao e Expofanzine.
O mércores 25 de setembro celebrarase o obradoiro interxeracional ‘Viñetas para todo o mundo’, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, en colaboración con Aspronaga e Dismacor. A xornalista Sonia Hermida será a encargada de dirixir esta actividade centrada na inclusión.
Como peche, o venres 27, Amnistía Internacional presentará o fanzine Nai dos desterrados, unha publicación que aborda o papel das mulleres nos conflitos bélicos, ilustrada por diversos artistas galegos.
Ademais destas actividades, as exposicións de Viñetas desde o Atlántico continuarán abertas nas distintas salas municipais ata o 30 de setembro, mentres que o programa ‘Viñetas desde a Escola’ terá lugar no Kiosco Alfonso ata xaneiro de 2025.
AXENDA DE ACTIVIDADES DE ‘VIÑETAS INCLUSIVAS’
Visitas guiadas
Do martes 24 ao venres 27 de setembro, ás 18.00 horas Sala de Exposicións de Palexco
Visitas guiadas co Comité Cidadán Antisida da Coruña – CASCO, a cargo de Tonecho Otero (actividade pechada ao público).
Visitas guiadas diarias coordinadas polo Comité Ciudadano Antisida de A Coruña - CASCO a través das exposicións monográficas de Marc Torices e Susanna Martín e pola mostra bibliográfica dos Premios Castelao e a Expofanzine, todas na Sala de Exposicións de Palexco.
Obradoiro interxeracional
Mércores 25 de setembro, ás 18.30 horas
Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga
Obradoiro interxeracional 'Viñetas para todo o mundo', en colaboración con Aspronaga e Dismacor, impartido pola xornalista especializada en educación e inclusión Sonia Hermida (grupo pechado).
Presentación
Venres 27 de setembro, ás 19.00 horas
Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga
Presentación do fanzine 'Nai dos desterrados', editado por Amnistía Internacional (actividade aberta ao público), con viñetas de Lucía Corral, Chano Ripio, Clara Artiaga, Ada Domeque (Empanada), José Nogueira, Xoana Pousa (Cuchiflainas), Ana Pumares e Marta Argüelles. A portada está firmada por Bea Gregores.