O festival Galicia Ilusiona arranca en outubro no Teatro Colón da Coruña
O festival de maxia Galicia Ilusiona, que xa se consolidou como un referente no panorama nacional e internacional, celebrará a súa terceira edición no Teatro Colón da Coruña os días 3 e 4 de outubro. A delegada da Xunta, Belén do Campo, foi a encargada de presentar o evento, destacando a súa relevancia dentro da oferta cultural e turística de Galicia durante o outono.
As dúas sesións diarias do festival traerán á Coruña unha selección dos mellores números de ilusionismo a nivel mundial, contando cos artistas máis premiados do momento. En total, o festival incluirá 20 espectáculos que se desenvolverán nas sete principais cidades galegas.
Belén do Campo subliñou o éxito das anteriores edicións, nas que máis de 70.000 espectadores participaron no evento, afianzando a Galicia como un foco de atracción tanto para turistas como para afeccionados á maxia de todo o mundo. A delegada tamén destacou o apoio da Xunta para facer posible esta iniciativa e animou aos galegos a participar e desfrutar do espectáculo, que se está a converter nun punto de referencia internacional no ámbito do ilusionismo.
Os organizadores, Dani Polo e Pedro Bugarín, expresaron o seu agradecemento polo apoio recibido, destacando que Galicia Ilusiona sitúa á comunidade como o epicentro do ilusionismo mundial. Para máis información e a compra de entradas, está dispoñible a páxina oficial do festival.