O Festival Autobán celebra unha década dedicada á Autoedición na Coruña
O Festival independente de Autobán celebra neste 2024 o seu 10º aniversario. Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.
O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o. seu Combate de Debuxantes acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
O Autobán xurdiu en agosto de 2014 na Coruña como unha alternativa independente ao festival de cómic galego de referencia, o Viñetas desde o Atlántico. Un grupo de autores e debuxantes locais que non acababan de atopar un oco para os seus fanzines no marco deste evento decidiron crear o seu propio festival paralelo de autoedición, seguindo o modelo de moitas outras citas que empezaron a proliferar polo estado na mesma época.
A primeira edición argallouse en poucas semanas recorrendo á xenerosidade dos amigos e aos recursos de internet para compensar a falta de orzamento e de medios. Foi un modesto festival cun mercado onde se presentaron unha vintena de publicacións e varias actividades paralelas, como faladoiros ou o Combate de Debuxantes, que sería unha das súas marcas de identidade xunto ao brilé brutal.
De natureza nómade e improvisada, tras pasar por diversos emprazamentos, o local autoxestionado Nave 1839 converteríase na súa sede oficiosa. Esta unión daría lugar a un spin- off invernal de dimensións máis reducidas, o Autobom. Este modelo autoxestionado mantívose até que chegou a covid-19. A pandemia obrigou a reformular como se viñan facendo as cousas e, tras unha edición dixital en 2020, o proxecto renacería asumindo novos obxectivos coa fundación da Asociación Cultural Autobán no ano 2023.
Tras consolidar durante este último ano un clube de debuxo mensual no que participaron ducias de debuxantes locais, o Autobán chega en 2024 ao seu 10º aniversario afianzando o emprazamento do seu mercado de verán na céntrica Praza de San Andrés, onde máis de 70 expositores de toda a península reciben un fluxo constante de visitantes que repercute nun éxito de vendas. O evento mantén o patrocinio de entidades como Punto Gal e a colaboración co Viñetas desde o Atlántico, con quen organiza un concerto ilustrado no Teatro Colón. Pero a principal e máis ambiciosa novidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, é a convocatoria do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, cunha dotación económica de 1.250 euros.
Ademais do seu xa clásico mercado de fanzines, entre as actividades que regresarán este ano a Autobán destacan o brilé brutal, o Autobombo (minipresentacións rápidas dos proxectos participantes), os concertos ilustrados, o Autolab (un laboratorio de banda deseñada experimental), as pinchadas de dj’s ou o Minibán (obradoiros pensados para os máis cativos), sen esquecer a impresión do Autozine, a súa publicación anual gratuíta.