O festival A Muinhada arrinca este venres en Vilarmaior con rutas aos petróglifos, teatro e música ata a madrugada

ACoruñaXa
O evento celebrará a súa quinta edición os días 24 e 25 de xullo na contorna da antiga Central Hidroeléctrica de Goimil, cunha programación que combina patrimonio, cultura e concertos
VILARMAIOR programa muinhada
23 Jul 2026

Todo está preparado para que este venres 24 de xullo arrinque a quinta edición de Muinhada, o festival cultural que volverá converter a contorna da antiga Central Hidroeléctrica de Goimil, en Vilarmaior, nun espazo de encontro arredor da arte, a natureza e o patrimonio.

A programación comezará ás 22.30 horas cun roteiro guiado aos petróglifos de Vilarmaior, unha das actividades máis singulares do festival. A visita require inscrición previa e permitirá descubrir os gravados rupestres coa iluminación nocturna, unha experiencia que facilita apreciar con maior detalle os seus relevos.

A actividade continuará o sábado 25 de xullo cunha intensa xornada que arrancará ás 11.30 horas coa charla de Sandra Garrido sobre a súa experiencia na Global Sumud Flotilla e a súa viaxe a Palestina.

Ao longo do día tamén haberá demostracións de olería tradicional de Buño a cargo de Rubén Martínez, sesión vermú coas Cantareiras do Piñeiro, teatro da man de Al Dente, un bingo musical, a proxección de curtametraxes e o tradicional sorteo de rifas para contribuír á autoxestión do festival.

A programación musical comezará ás 23.30 horas co concerto de Bebé Bigote, ao que seguirá Loracepam á medianoite. Xa de madrugada, a festa continuará coas sesións de DJ Zara Perra e DJ Pistola.

A Muinhada consolídase así como unha das propostas culturais máis singulares da comarca, cun formato que aposta por combinar música, artes escénicas, patrimonio, natureza e creación local nun ambiente interxeracional e afastado dos grandes festivais de verán.

PROGRAMA

0.12803316116333