O Festigual celebra dez anos de cultura inclusiva cunha gala protagonizada por mulleres artistas

ACoruñaXa
Guadi Galego, Uxía, A Banda da Loba e Chungo Pastel reuníronse no Teatro Rosalía de Castro nun espectáculo especial que abriu máis de dúas semanas de actividades gratuítas e accesibles
A CORUÑA festigual
5 Nov 2026

O Festigual iniciou a súa décima edición cunha gala especial no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Baixo o título 'Mulleres pola inclusión', o espectáculo reuniu sobre o escenario a Guadi Galego, Uxía, A Banda da Loba e Chungo Pastel nunha actuación creada expresamente para conmemorar os dez anos do Festival das Artes Inclusivas, organizado polo Concello a través da Fundación Emalcsa.

A gala, presentada por Leti da Taberna e Corina Alfonso, converteuse tamén nunha homenaxe ao talento feminino que formou parte da traxectoria do festival desde os seus comezos. Para esta edición conmemorativa preparáronse actuacións e colaboracións especiais coas que celebrar unha década de compromiso coa accesibilidade e a participación cultural.

Ao acto asistiu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou a evolución do Festigual e a súa consolidación como unha das iniciativas de referencia da cidade no ámbito da accesibilidade cultural. Segundo sinalou, o festival demostrou ao longo destes anos que a cultura é máis enriquecedora cando está ao alcance de todas as persoas e favorece espazos de encontro, participación e igualdade.

Desde a súa creación en 2017, o Festigual traballa para eliminar as barreiras físicas, sensoriais, sociais e cognitivas que dificultan o acceso á cultura. Ao longo das súas dez edicións, desenvolveu máis de 160 actividades e espectáculos, contou coa participación dun milleiro de artistas e implicou 126 entidades e profesionais.

A gala marcou o inicio de máis de dúas semanas de programación gratuíta e accesible, que se desenvolverá en distintos espazos da cidade. A programación completa desta décima edición pode consultarse aquí.

0.15030884742737