O eurodeputado Nicolás González unha charla a mozos e mozas de Betanzos sobre o Pacto Verde Europeo
O Concello de Betanzos transformouse na xornada de onte, venres 5 de abril, no escenario dun encontro interxeracional sobre a acción climática e a sustentabilidade. Fronte a un auditorio de mozos e mozas comprometidos coa defensa do medio ambiente, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares compartiu as visións e os retos que presenta o Pacto Verde Europeo nunha charla titulada "Pacto Verde Europeo: Un Pacto Interxeracional?", no contexto das I Xornadas de Sostibilidade organizadas polo IES Francisco Aguiar.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou na súa introdución o valor deste evento, "unha oportunidade para que a nosa mocidade comprenda os esforzos que Europa está a desenvolver no ámbito do cambio climático e se prepare para ser parte activa deste proceso transformador”.
Durante a súa intervención, o eurodeputado compartiu detalles sobre como o Pacto Verde Europeo busca transformar a economía da UE, promovendo un desenvolvemento sostible que non só respecte os límites do noso planeta, senón que tamén asegure unha transición xusta para todos os cidadáns. "Estamos diante dun compromiso sen precedentes para alcanzar unha Europa máis verde e máis xusta. Este pacto non é só un conxunto de medidas, senón unha promesa para as futuras xeracións de que a sustentabilidade e a equidade serán os piares da sociedade do mañá", explicou o eurodeputado.
No transcurso da charla, González Casares respondeu ás preguntas formuladas polo estudantado do IES Francisco Aguiar, que mostrou unha notable preocupación e interese pola loita contra o cambio climático.
“Co noso compromiso co clima e o medio ambiente estamos a facer historia, estamos a marcar a diferencia", afirmou o eurodeputado socialista, toda vez que incidiu no feito de que o Pacto Verde representa a folla de ruta para construír unha Europa non só máis verde, senón tamén máis xusta e sostible.
Este encontro non só reforzou o compromiso de González Casares coa axenda verde europea, senón que tamén subliñou o papel central que a educación xoga no apoderamento da mocidade para encarar os desafíos ambientais actuais e futuros. "É fundamental que a xeración actual tome accións concretas para asegurar un futuro habitable para as xeracións futuras. A educación é fundamental neste proceso", engadiu Casares.
O IES Francisco Aguiar, a través deste proxecto que naceu coma unha reportaxe xornalística para un concurso de Prensa Escola de La Voz de Galicia, demostra unha vez máis o seu compromiso coa educación ambiental. A charla "Pacto Verde Europeo: Un Pacto Interxeracional?" erixiuse en plataforma excepcional para subliñar a urxencia da acción climática e a relevancia da cooperación entre a educación, a política e a sociedade na construción dun futuro máis verde e equitativo.