O espectáculo ‘Somos criminais e punto final’ bate récords históricos no Teatro Colón
O espectáculo ‘Somos criminais e punto final’, protagonizado polos humoristas Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, acaba de establecer un novo récord no Teatro Colón da Coruña, converténdose na produción con maior número de espectadores na historia do recinto. Con 25.600 asistentes acumulados nas súas diferentes xiras dende o 2018, o show consolida o seu lugar na comedia galega como un fenómeno sen precedentes.
Para celebrar este fito histórico, a alcaldesa Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, entregou este venres un diploma conmemorativo aos humoristas. Durante o acto, Rey destacou que este éxito demostra a conexión única entre os artistas e o público galego. “Lograr encher o Teatro Colón durante oito funcións consecutivas é unha mostra clara do seu talento e do cariño que lles temos”, afirmou.
O espectáculo, dirixido por Tito Asorey e escrito por José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, conta cunha trama cómica na que os dous protagonistas lideran unha misión espacial cara a un novo planeta, levando consigo o patrimonio material e inmaterial galego máis prezado. Esta última xira, con oito pases entre o 27 e o 30 de decembro, esgotou todas as súas entradas.
A alcaldesa destacou tamén a importancia deste éxito para a cultura local, sinalando que “A Coruña demostra unha vez máis que é o motor cultural de Galicia, capaz de atraer producións de todos os estilos e formatos”. Pola súa banda, Touriñán e Blanco agradeceron ao público a súa entrega e o apoio recibido ao longo de todos estes anos, considerando este récord un reflexo da forza da comedia galega.