O Espazo+60 de Betanzos acollerá unha sesión de cinefórum sobre o dano cerebral adquirido o 23 de outubro

ACoruñaXa
A actividade, organizada por Dano Cerebral Galicia en colaboración con Afundación, inclúe a proxección do filme ‘Háblame de ti’ para sensibilizar a maiores de 50 anos sobre esta discapacidade
dano cerebral galicia betanzos
19 Out 2024

O Espazo+60 de Afundación en Betanzos será o escenario dunha nova sesión de cinefórum organizada por Dano Cerebral Galicia o vindeiro mércores 23 de outubro, a partir das 17:30 horas. A actividade enmárcase nun ciclo de sensibilización e prevención sobre o dano cerebral adquirido, dirixido a persoas maiores de 50 anos, que percorrerá diferentes localidades galegas ao longo do mes.

O ciclo, que chega ao seu terceiro ano consecutivo, ten como obxectivo principal incrementar o coñecemento sobre o dano cerebral, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que é provocada maioritariamente por ictus e traumatismos cranioencefálicos. A través da proxección do filme 'Háblame de ti' e un posterior coloquio, preténdese fomentar o debate sobre a representación da discapacidade, os estigmas e os estereotipos asociados, ademais de proporcionar información sobre hábitos de vida saudable e sinais de alarma do ictus.

A iniciativa conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, grazas á contribución das persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda, e conxuga a divulgación de información de saúde coa utilización do cinema como ferramenta educativa. Para asistir á sesión de Betanzos, é necesario inscribirse previamente debido ao aforo limitado, podendo facelo de forma presencial no Espazo+60 ou a través do formulario en liña dispoñible na web de Dano Cerebral Galicia.

0.18342113494873