O ensino concertado volve á rúa para esixir á Xunta unha negociación despois de 18 anos de bloqueo

O persoal do ensino concertado galego continuará este venres, 26 de xuño, coas súas mobilizacións para reclamar á Consellaría de Educación a apertura dun proceso negociador. As organizacións sindicais FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG convocan tres concentracións en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo ante o que consideran anos de bloqueo e falta de resposta por parte da Xunta.
As centrais denuncian que máis de 7.000 profesionais do sector levan arredor de 18 anos sen un marco real de negociación que permita mellorar as súas condicións laborais, sociais e salariais. Segundo os sindicatos, durante este tempo aplicáronse recortes de dereitos sen atender as demandas dos representantes dos traballadores.
As mobilizacións chegan despois de tres protestas previas e das caravanas de coches que percorreron Vigo e A Coruña o pasado 28 de maio. Para as organizacións convocantes, a resposta do sector evidencia o malestar acumulado entre os profesionais do ensino concertado.
As concentracións deste venres celebraranse diante de distintos organismos da Consellaría de Educación. En Santiago de Compostela, a protesta será ás 11.00 horas ante a Consellaría, en San Caetano. Na Coruña, terá lugar ás 13.30 horas diante da Delegación da Consellaría, na rúa Vicente Ferrer. Á mesma hora haberá outra concentración en Vigo, na praza da Estrela.
Os sindicatos reclaman que a Xunta abra unha vía de diálogo que permita abordar as reivindicacións pendentes e poñer fin a unha situación que, segundo denuncian, mantén ao persoal do ensino concertado fóra de calquera proceso efectivo de negociación.