O ensino concertado percorrerá as principais cidades galegas cunha caravana de coches este xoves

O persoal do ensino concertado de Galicia sairá á rúa este xoves, 29 de outubro, cunha caravana de coches que percorrerá as cidades de Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra para reclamar a apertura de negociacións coa Consellería de Educación.
A mobilización está convocada polos sindicatos FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG, que continúan co calendario de protestas iniciado en maio e que xa incluíu folgas os días 9 de setembro e 6 de outubro. A iniciativa servirá tamén como paso previo á terceira folga do sector en dous meses, prevista para o vindeiro 10 de novembro.
As organizacións sindicais denuncian a falta de vontade da Consellería para convocar os representantes dos traballadores e iniciar a negociación das reivindicacións dun colectivo que, segundo indican, leva case vinte anos reclamando solucións a diferentes cuestións laborais e profesionais.
As caravanas partirán ás 18.30 horas desde distintos puntos das seis cidades. En Vigo, o punto de encontro será o aparcadoiro do Museo Verbum, en Samil; na Coruña, o edificio sindical de Alfonso Molina; en Santiago, o aparcadoiro de Santa Marta; en Ferrol, o aparcadoiro da Malata; en Ourense, a explanada de Expourense; e en Pontevedra, o aparcadoiro do Pavillón Municipal.
Entre as principais demandas do persoal figura a convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do ensino concertado e a apertura de negociacións sobre os asuntos pendentes, así como o establecemento dun calendario para a aplicación dos acordos que deben asinarse nos próximos anos.
Os sindicatos tamén reclaman o desbloqueo dos acordos de homologación salarial e desenvolvemento profesional, que inclúen o pagamento dos complementos por coordinación, titorías e dinamización lingüística, os complementos de cargo e a paga extraordinaria por antigüidade.
A redución da carga lectiva, a mellora dos acordos de xubilación parcial con contrato de relevo para que inclúan todo o persoal e o financiamento dun complemento autonómico para o Persoal de Administración e Servizos (PAS) completan as principais reivindicacións do colectivo.
Con esta nova mobilización, as organizacións sindicais buscan aumentar a presión sobre a Administración autonómica para que abra unha vía de diálogo e dea resposta ás demandas laborais do ensino concertado galego.